Xa pensarás que toleei, porque poñerme a falar dun día que se celebra a finais de ano coa primavera entrada... Pero sei ben o que digo!
Van bastantes anos vivindo fóra da casa en pisos compartidos. Ten habido incompatibilidades, indiferencia, incomodos, berras, ... O que nunca me pasara e que che fagan trasnadas desas tan comúns por outros lares e mal chamadas "novatadas" coma o de andar na auga para que te deas unha ducha fría.
Debía ser que esa outra xente coa que estiven tiña un mínimo de sentido común e respeto e nunca se atreveron a facer mal, e estropear cousas, ou quedar con cousas, ou usar cousas,... dos demais.
Eu algún días pensei que estaba sufrir da doenza da paranoia, pero por sorte inda teño un par de neuronas que funcionan, e pensan e relacionan e lembran... polo que sei de certo o que está a pasar.
Levo un tempo facendo o parvo porque aprendín a non montar leas e creo que se forman menos tensións cando unha é educada e di o que pensa de boas maneiras e con tranquilidade.
Mais estes, que durante meses pensaron que da limpeza do piso se encargaba unha empresa pagada pola caseira, e que os produtos se repoñen por rexeneración automática, parécelles gracioso botar sal no meu cacharro de azucre. Sorte que levo tempo sen botar man del, ata que se me ocorre comer unhas fresas con iogur que sabían a raios!
Unha pequena inocentada sen maldade... obra dun par de pijos de interior. Se xa tiña os meus prexuízos, agora con máis razón me estou a converter nunha racista de ponferradinas e ourensáns... Só dous meniños de vinte anos, con vidas cómodas e máis gañas de troula que de estudiar lles pode parecer boa idea amolar alguén que anda ó seu porque non lle interesan os botellóns internos, nin as festas de disfraces, nin respirar fume sempre, nin estar metida no salón tódolos días diante da televisión...
No meu papel de diplomática e sabendo que lisco en menos de dous meses, calarei a boca e non me vou facer a ofendida. Que sigan acumulando bolsas de lixo diante da porta, pratos no fregadeiro, e facendo barullo ata a madrugada ou traendo visitas indesexadas. Eu non vexo nin oio.
