viernes 29 de agosto de 2008

MEIS: CONCELLO DE VARIEDADES

Hai pouco que puxen ó descuberto de onde son e tampouco hai moito que prometín falar do meu concello.
A verdade, gústame moito onde vivo. A miña casa. Pero máis alá da miña horta e dos camiños por onde paso coa bicicleta non hai que eloxiar do meu concello. Un municipio coma outro calquera do rural.
O que pasa é que temos o Castrove, un pico por enriba dos 600 metros que sirve de mirador da ría de Arousa e da de Pontevedra, bastantes restos arqueolóxicos, unha colección de igrexas e capelas, o río Umia,... é dicir, un entorno natural e monumentos históricos para visitar pero non se promocionan, así que Meis é un sitio de paso. Unha mágoa...
De todas maneiras, dende que saín de Meis para vivir na Coruña, non fago máis que mostrar orgullo por ser de onde son, á marxe da xestión política e dos poucos servicios que hai no concello. Eu e outros pensamos que se non apreciamos nós o noso, quen o vai apreciar.
Pode que non teñamos hoteis, nin un centro urbano cheo de tendas de moda, pero temos verbenas, rutas de sendeirismo, muiños de auga, praias fluviais, cabalos, campos de fútbol, circuítos de carreiras, viño, un campo de golf (!) e temos a autovía do Salnés e a autopista Vigo-Coruña, que en 15 minutos estamos en todas partes: da igual que sexa Vilagarcía, Pontevedra, que Sanxenxo.
Formamos parte do Salnés, e alí están as mellores praias e as mellores festas, e nos apropiámonos de todas elas. Os meus compañeiros da facultade cren que o Albariño é na miña aldea é que a Lanzada pertence á miña parroquia...
En definitiva, que nunca pensei que Meis fose extraordinario pero cando hai que defender o sitio dun, o lar, son a primeira.
Por iso, o título. A variedade. Pasei todo o mes de Agosto na casa, a pesares de ter "un ático dúplex maravilloso en la ciudad" e foi un bo verán. Non pisei as praias do Grove nin fun de marcha a Portonovo pero a cambio cada fin de semana dediqueino a algo distinto: un domingo de Rapa das Bestas no monte da Escusa, un sábado todo o día entre ruido e terra no motocross e a semana pasada nun festival, o Dolorock.
E todo por primeira vez: primeira vez en anos que subía andando ó curro onde xuntan os cabalos, primeira vez que se celebra un supercross con xente profesional e primeira edición que piso do Dolorock.
E de balde, que alí no sur somos moi xenerosos.
Un gran mes para coller ánimos para os exames!